Tuesday 21 de May de 2024

A Mesa polo Desenvolvemento Urbano Sostible aclarará os criterios normativos do PXOM para facilitar a tramitación de licenzas municipais


A Mesa desenvolverá mañá a súa primeira sesión ordinaria tras a súa constitución o pasado mes de novembro

A Mesa polo Desenvolvemento Urbano Sostible celebra mañá a súa primeira sesión ordinaria tras a súa constitución o pasado mes de novembro. Un dos seus obxectivos é establecer novos parámetros de actuación no plan urbanístico da cidade.

Neste sentido, nesta primeira sesión analizaranse os informes presentados polo Colexio de Arquitectos e de Aparelladores relativos ao regulamento das competencias de cada profesional no ámbito das licenzas municipais.

Ademais, os técnicos municipais presentarán unha serie de instrucións de interpretación da normativa do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e do PEPRI co fin de aclarar determinados artigos de ambos os documentos e facilitar a tramitación das licenzas municipais. Desde a Concellería de Urbanismo aseguran que os servizos técnicos realizaron un traballo moi exhaustivo á hora de detectar ambigüedades ou problemas no regulamento normativo dos documentos urbanísticos da cidade. Estas instrucións, unha vez que estean aprobadas, publicaranse na web municipal.